Este magnífico grupo que tan ben mistura a tradición e a modernidade, celebra este ano os seus 15 anos de vida. E para festexalo, e compartilo con nós, agasállannos con este canto de nadal titulado Nadal en Arcos.
Grazas ós compañeiros e compañeiras do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) por dárnolo a coñecer.
O Imperial Ice Stars trae estes días a Vigo o ballet de Piotr TchaikovskyO Lago dos Cisnes. A mistura de música, escenografía e efectos resulta espectacular.
Neste ballet, o compositor conqueriu combiñar intres de gran dramatismo con outros dun lirismo exquisito; atmósferas etéreas e brumosas con desenfadas danzas. Á música haille que sumar unha coidada escenografía, un vestuario brilante e un dominio consumado dos patíns. E así, chegamos ó resultado: un espectáculo magnífico, no que o único que molesta (de cando en vez) é o chirrido das cuchillas ó se desprazaren polo xeo.
Déixovos aquí co trailer de promoción do espectáculo. Non é como vivilo en directo, pero podemos facernos unha idea.
O medo, ese sentimento universal, non é alleo á beleza, nin a música. Mostra diso son estes dous vídeos.
Xa sabiamos que a música amansa ás feras. Pero neste vídeo titulado O músico e a morte descubriremos que unha fermosa melodía interpretada co corazón é quen de conmover mesmo á morte.
Estoutro, titulado A Dama e a Morte, é unha parodia na que imaxe e son tecen unha historia divertida que, ó mesmo tempo, da moito que pensar.
O conto musical dos nenos e nenas de 2º B de Primaria.
Porque, a partir de sons da natureza, os nenos e nenas de 2º B traballaron, durante todo o curso 2010-2011, sobre este conto creado por eles, e titulado Un cumpreanos un pouco tolo. Ó final, todo resultou divertido.
Este é o título do conto creado polos alumnos e alumnas de 2º A.
Como cada curso, os alumnos e alumnas de 2º crearon un conto a partir de diversos sons da natureza. Por arte de maxia, cada ano, e en cada aula, o resultado é sorprendente e espectacular.
Este pasado curso 2010 - 2011, os nenos e nenas de 2º A inventaron un conto que titularon Os paxaros viaxan en outono. Logo, durante meses, foron levándoo á casa semana tras semana, para ilustralo en familia.
Cando as ilustracións estiveron feitas, varios compañeiros leron o texto e o gravaron.
Un famoso dito lémbranos que a música amansa ás feras.
Xa coñeciamos o poder sedante da música que reflicte este dito. Tamén coñeciamos o seu potencial como transformadora da realidade social (non hai máis que lembrar a laboura da Carlinhos Brown nas favelas de Río). Hoxe, a través deste artigo que me ten enviado a miña amiga Ana, podémoslle engadir á música o título de "concienciadora" ecolóxica.
Trátase dun artigo de El País no que se fala da organización Sonidos de la Tierra, e do concerto que, con instrumentos reciclados, terá lugar hoxe en Madrid. Podedes ler o artigo aquí.
E a continuación, podedes visualizar este vídeo no que se fala das finalidades desta organización.
Baixo o título de A Tertulia Jazzística, o alumnado do 6º curso de Primaria reuniu varios podcast sobre as grandes figuras do jazz.
O obxectivo foi coñecer ós grandes precursores da música actual, e escoitar algunhas das súas pezas máis senlleiras.
Para iso, por grupos, os rapaces deberon investigar sobre a biografía do músico proposto e elixir de entre a súa discografía algunha peza para ilustrar o programa de radio.
O resultado do traballo foi este. Esperamos que vos guste.
Como homenaxe ós nosos socios da Agrupación ARCE queremos dar a coñecer a figura dun catalán universal: Pau Casals.
Pau Casals naceu en El Vendrell (Cataluña) en 1876, e morreu en 1973 en San Juan de Puerto Rico. O seu pai era catalán, e a súa nai, portorriqueña.
Como Mozart, Pau Casals foi introducido no mundo da Música polo seu pai. Está recoñecido como un dos mellores violonchelistas de todos os tempos, e como un innovador do instrumento, xa que introduciu notables cambios expresivos e técnicos na súa interpretación.
A súa pasión pola música de Johann Sebastian Bach levouno a rescatar do olvido as estupendas Suites para violonchelo, unha alfaia que queremos compartir convosco:
Non se vos teñen posto os cabelos de punta...?
Ademais, tivo un papel senlleiro como compositor e director de orquestra, sendo un dos máis recoñecidos do século XX. Neste sentido, en 1970 compuxo o Himno da Paz das Nacións Unidas, obra que se estrenou por primeira vez o 24 de outubro de 1971 (cando o músico tiña 94 anos) sendo dirixida a orquestra por el mesmo.
Pero se o papel de Pau Casals foi importantísimo no ámbito musical, o máis sorprendente foi a súa extraordinaria xenerosidade e humanidade. Como el dicía: a música, esta marabillosa linguaxe universal, ten que ser unha fonte de comunicación entre todos os homes. E, certamente, toda a súa vida estivo adicada á defensa da paz e da liberdade, empregando como única arma os sons melodiosos que producía o arco do seu violonchelo.
A consecuencia da Guerra Civil Española, tivo que se exiliar, primeiro, en Francia, e, finalmente, en Porto Rico, onde morreu ós 96 anos. Defensor da liberdade, e dun alto grado de autonomía para Cataluña, prometeu non voltar a España mentras durase a dictadura de Franco. De feito, só voltou, morto, no ano 1979, catro anos despois da morte do dictador. Dende entón, os seus restos reposan no Cementerio de El Ventrell, a súa localidade natal.
O seu activismo en defensa da paz, da democracia, da liberdade e dos dereitos humáns valéronlle prestixiosas condecoracións, como a Medalla da Paz da O.N.U.,ou que fora proposto ó Premio Nobel da Paz.
A continuación vos presentamos un emotivo vídeo sobre o Discurso no que Pau Casals se dirixe á Asamblea das Nacións Unidas, con 94 anos, falando de dous dos seus amores: Cataluña e a Paz. Está en inglés, pero todos podemos comprendelo. Que grandeza!
Para rematar, déixovos cunha peza do folclore catalán que foi dada a coñecer mundialmente por Pau Casals: El cant del oicels (O canto dos paxaros). Este foi o "himno" que el propagou para pedir a paz. Porque, segundo el, os paxaros, nos seus cantos, din: PAZ, PAZ, PAZ...
Deixovos coa versión que interpretou na Casa Branca, acompañado polo pianista Mieczyslaw Horzowski.
Hai xa algunhas semanas propuxemos na aula esta actividade de Expresión Corporal.
Cada un elixía un lugar no espazo, e, coa axuda dun instrumento de pequena percusión (que en ningún intre pobía soar) debían desprazarse de xeitos diferentes ó son da música.
Estivemos acompañados pola melodía de Maily's song, unha fantástica peza da banda sonora que, no seu día, Ennio Morriconei compuxo para a serie de televisión titulada Marco Polo ( seguramente, os que sexades da miña idade, a lembraredes).
Como os rapaces tomaron a actividade con moito entusiasmo, e como as súas expresións foron dunha plasticidade espectacular, déixovos coas fotos que tomamos, para que disfrutedes delas.
Para os que non lembredes a serie e non coñezades a música, déixovos con este vídeo, co que poderedes disfrutar da beleza das paisaxes e da seducción da música:
Os nenos e nenas de 4º curso de Primaria construíron paus da choiva.
Este trimestre, escoitamos o Segundo Movemento do Inverno, de Vivaldi. Neste fragmento, o pizzicatto dos instrumentos de corda imita o son das pingas da choiva.
Logo, descubrimos que os indios de Sudamérica tiñan un instrumento, construído coa madeira dos cactus co que imitaban tamén o son da auga e que podía ser usado con fins máxicos, para propiciar a chegada das choivas.
A tarefa individual consistiu en construír un pau da choiva con material de refugallo.
Como xa vistes, os nosos alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria construíron instrumentos musicais con material de refugallo.
Tiñan que imitar instrumentos africáns. Pero non só os construíron con esmero, senon que, aínda por riba, esforzáronse en que produciran un bo son, facendo, nalgún caso, probas e máis probas.
No día de hoxe, os alumnos e alumnas do Terceiro Ciclo de Primaria acudiron a un Concerto no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia.
O tema proposto foi o das Formas Musicais. Ademais de nos divertir moito, aprendimos un montón de cousas: que, para compoñer, o músico deber partir dun motivo (rítmico ou melódico); que a repitición é un elemento fundamental na Música; que un tema consta dunha pregunta e unha resposta; que podemos variar un tema introducindo ritmos diferentes, ou timbres variados, ou distintas intensidades.
Coñecimos que, aparte dos temas, unha peza pode ter introdución (como o seu nome di, unha parte que prepara para o que vai vir), ponte (unha parte que enlaza un tema co outro) e coda (a parte que serve para rematar a peza, a modo de conclusión).
Ademais de aprender, pasámolo ben, descubrindo a estrutura das diversas pezas que nos foron propondo e participando de xeito moi activo. Así, Oumar, Aida e Sergio bailaron unha danza tradicional inglesa con moita profesionalidade; e Santi e Roi axudáronnos a diferenciar moi ben o tema A da Marcha Androide.
Como foron tan amables connosco, Miguel atreveuse a lle preguntar a Carlos se a tuba pesaba moito. Aquí o tendes, comprobándoo.
A improvisación, a fusión, a interpretación, a instrumentación, o tempo... son elementos que contribúen ó engrandecemento ou non dunha peza.
Esta é a riqueza da Música: mellorar e sublimar unha obra que xa nos parecía perfecta.
Nun post anterior propuxemos a escoita de Swing Lowinterpretada por Marion Williams. Nesta ocasión, presentámosvos un montón de versións da mesma peza. Como veredes, grazas ás habilidades e estilos dos diferentes músicos, unha canción que, nos seus inicios, debeu transmitir toda a tristura e a carga da escravitude pode chegar a se converter nun estoupido de xúbilo se está cantado por un coro de gospel.
Facémosvos unha proposta dobre:
Escoitar con atención, ata o final, cada unha das versións que vos propomos.
Facer un comentario sobre o que tendes escoitado, indicando cal foi a versión que máis vos gustou e por que.
Comenzamos, pois, con Dolly Parton, unha cantante dos anos 60 que foi considerada a raíña da música country:
Etta James nos canta Swing Low dun xeito máis próximo ó gospel.
O famoso guitarrista Eric Clapton, entusiasta do blues e alcumado Man Lenta cantou tamén Swing Low:
Voltamos ós anos 60. O icono da canción protesta, Joan Baez, tamén versionou esta peza:
Un respiro de aire fresco. O famoso grupo sudafricano Ladysmith Black Mambazo, caracterizado pola polifonía masculina, nos presenta unha versión que nos traslada ás selvas do continente africán:
A Familia Kelly interpreta a canción nun multitudinario festival no que o público é parte do espectáculo:
Unha cantante tan actual coma Beyoncé tamén ten Swing Low entre o seu repertorio:
E pode ser unha preciosa peza para unha gala lírica, como fai nesta ocasión a famosa cantante de ópera estadounidense Katleen Battle.
Pero, quizais, os máis deportistas prefiran o Himno da Copa Mundial de Rugby que se celebrou en Inglaterra en 2003.
Este curso, os alumnos e alumnas de 6º curso de Primaria están a aprender Swing low, swing charriot, un famoso espiritual negro.
Presentámosvos unha gravación moi antiga (mesmo se escoita o ruído do vinilo) na que canta Marion Williams, unha famosa cantante de gospel que naceu nos Estados Unidos en 1927 e morreu en 1994.
O pasado venres 4 de febreiro, os alumnos e alumnas do Terceiro Ciclo de Primaria asistimos no Auditorio do Centro Cultural Novacaixa a un espectáculo operístico para nenos.
O espectáculo titulábase O humor na ópera, e nel se reproducían algunhas pezas de catro obras maestras da ópera bufa: Cosi fan tutte (de Mozart), Il Barbieri de Siviglia (de Rossini) e L'elisir d'amore (de Donizetti).
Aínda que este tipo de música non adoita estar entre as preferencias dos rapaces desta idade, hai que salientar o interese que suscitou e o bo comportamento que manifestaron durante o desenvolvemento do espectáculo. O segredo...? Ter traballado as pezas, previamente, na aula.
Así, aprendimos que existen dúas persoas fundamentais na creación dunha ópera: o libretista (o encargado de redactar o texto) e o compositor (que crea unha música a partir do libreto). Tamén que as arias son pezas solísticas que buscan o lucemento do cantante; e que se o número de cantantes aumenta, as pezas llámanse dúo (se cantan dous), trío (se cantan tres) ou coro (se cantan moitos).
Chegamos á conclusión de que a ópera é a expresión artística máis completa que existe, xa que integra música (instrumental e vocal), teatro, danza, decorados, vestiario, iluminación... e, na actualidade, mesmo novas tecnoloxías.
Rematou o concerto cunha peza moi alegre coa que comenza unha ópera moi triste: o Brinde de A Traviata, de Verdi.
Grazas á Camerata Lírica de España por nos ofrecer este espectáculo que nos permite achegarnos tan ben a este mundo tan descoñecido.
Veño de escoitar Arrolos de salitre, unha preciosa colección de nanas para os máis cativos da casa.
Da gusto cando un disco pensado para nenos se edita coa máxima calidade e seriedade, sen "ñoñerías". Porque, aínda que sexan cativos, os bebés tamén teñen dereito a escoitar a mellor música. E diso se encargan Xabier Díaz e Guillerme Fernández (Berrogüetto), os impulsores desta idea, para a que contan coa colaboración de varias voces emerxentes en Galicia.
Esta colección de cancións de nanas, algunhas tradicionais e outras de creación, é unha delicia, pola sinxeleza do acompañamento e a poesía dos seus textos. Estou desexando experimentala con algún cativiño que se "poña a man". Para o meu entender, un bonito xeito de fomentar o gusto.
Para rematar, recollo o desexo que aparece na carátula do disco:
Os nenos e nenas do Segundo Ciclo de Primaria estivemos hoxe no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia, nun fantástico concerto dos Gaiteiros da Xistra.
Ademais de pasalo moi ben, e de ter a sorpresa de atopar vellos amigos, aprendimos moitísimo.
O concerto titulábase Como tocamos?, e o obxectivo do mesmo era aprendernos os tipos de formacións que podemos atopar na música tradicional galega.
Así, descubrimos que, en Galicia, a música pódese facer de calqueira xeito. Unha soa persoa bástase: este é o caso dos copleiros, que ían cantando romances, acompañados dun instrumento de corda (xeralmente, un violín ou unha zanfona).
Con dous intérpretes podemos cantar unha regueifa, unha "batalla verbal" na que se trata de pasar un bo rato e medir as dotes improvisatorias dos contendentes.
As pandereteiras ou cantadeiras só necesitan a súa voz e unhas pandeiretas para facer unha agrupación. Tamén poden incorporar pandeiros ou instrumentos domésticos (como a botella de anís ou a lata de pimentón).
Pero cando se trata de festas (e en Galicia hai moitas) o máis típico son os cuartetos. O máis usual, o formado por dúas gaitas, un tamboril e un bombo. Aínda que unha das gaitas pódese cambiar por unha requinta ou un requinto.
Por último, a murga mantén tres dos instrumentos do cuarteto: unha gaita, un bombo (que, neste caso, incorpora pratillos) e unha caixa (un tambor máis estreito e con bordóns). Pódenselle engadir clarinetes, requintos, saxofóns, etc.
E agora, vos deixamos con algunhas imaxes do concerto. Xa podedes imaxinar o ben que o pasamos!
Esta sobremesa, agachada entre as liñas do periódico, atopei a nova da morte de Mª Elena Walsh.
Mª Elena Walsh, de nacionalidade arxentina, foi unha escritora e música que adicou a súa obra, maioritariamente, ó público infantil.
Aínda sen sabelo, Mª Elena Walsh tamén formou parte do meu universo infantil, e, logo, da miña vida profesional: aquelas fermosísimas cancións cantadas por Rosa León nos meus primeiros anos, das cales a miña favorita foi sempre El brujito de Gulubú(Canción de la vacuna); Manuelita la tortuga acompañoume no meu exame de oposicións; La Vaca Estudiosa, Perro Salchicha ou El Reino del Revés constituíron grandes éxitos entre o alumnado nos meus primeiros anos de docencia.
Déixovos este vídeo da miña canción favorita, cantada por Rosa León, que forma parte dun programa tamén emblemático na nosa infancia: "1, 2, 3... responda otra vez".
E aquí, unha colección de cancións de Mª Elena Walsh con estupendas animacións. Só espero que disfrutedes con elas tanto como teño disfrutado eu.
No noso cole, este curso, imos comenzar a traballar o Proxecto Documental Integrado titulado Un bosque para ler e navegar.
Non queremos que os grandes acontecementos escolares sexan alleos a este proxecto. Por iso, o Día da Paz deste curso vai ir encamiñado á defensa dos nosos Bosques, e do Medio Ambiente. Porque o bosque non é noso; é tan só un empréstito dos nosos fillos.